Eu Rural pon en marcha un concurso escolar para achegar aos nenos e nenas á Medida Leader

Difundir a Medida Leader “en todos os recunchos do territorio e que todo o mundo se entere de que se poden  optar a fondos para vivir e emprender no rural”. Ese é o obxectivo co que a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14), acaba de poñer en marcha o proxecto ‘Creando Rural’, un concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos máis de 100 centros educativos públicos, concertados e privados dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).

O concurso foi presentado este martes 3 de abril en Redondela pola presidenta da asociación e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen asegurou que a través de iniciativas como esta trátase de “facer ver que no rural tamén hai calidade de vida e que hai futuro”. González estivo acompañada neste acto polos tenentes de alcalde de Redondela, María del Carmen Amoedo e Miguel Ángel Álvarez; pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; así como os concelleiros Alfonso Ventín (Fornelos de Montes), José Ángel Bahamonde (Baiona), Julia Loureiro (Mos) e María Teresa París (Redondela).

Neste acto de presentación tamén participaron os nenos e nenas de 2º de primaria do CPR Plurilingüe Vigo, de Redondela, unha representación do público ao que vai dirixido este certame que quere “valorizar o medio rural” e “ver como é para os cativos e cativas vivir no rural, xa que seguro que nos achegan unha visión diferente”. “Esperamos que a través da ollada dos nenos e nenas poidamos ver as persoas adultas outro rural”, salientou a alcaldesa de Tomiño.

Un mural e un vídeo sobre o GDR 14

Dende este 3 de abril ata o vindeiro 17 de maio ás 14.00 horas, o alumnado de calquera clase de educación infantil e primaria poderá presentar os seus proxectos para participar nun concurso que busca achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural ás cativas e cativos. Todos aqueles grupos interesados en participar deberán facer unha inscrición previa na web de Creando Rural ata o próximo 27 de abril.

O profesorado será o encargado de traballar na clase as sete unidades didácticas (sete para educación infantil e sete para primaria) a través das que os nenos e nenas aprenderán que é o GDR 14, que se busca con el o como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula completa poderá presentar un proxecto conxunto a concurso e o titor ou titora figurará como responsable.

No caso da categoría de educación infantil, o traballo a presentar será un mural creativo e de inspiración libre, mentres que as aulas de educación primaria deberán gravar un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será unha excursión dun día de duración á Granxa Escola O Kiriko para as dúas clases de educación infantil premiadas e outra ao centro de actividades na natureza FervenzAventura para os dous gañadores de primaria.

Dende o 19 ao 25 de maio abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste e que consideren que deben ser premiados. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outros dous premiados (un por categoría).

Os premiados serán publicados na web do proxecto o 28 de maio de 2018 e a entrega de premios terá lugar entre o 30 de maio e o 1 de xuño. Os nenos e nenas de educación infantil desfrutarán da súa excursión á granxa escola O Kiriko os días 4 e 6 de xuño e o alumnado de primaria irá a FervenzAventura o 8 de xuño.