O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta fogóns para FITUR

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta fogóns para FITUR

O vindeiro mércores 18 estará nesta recoñecida feira de turismo cunha presentación vinculada coa gastronomía, que culminará coa proxección de ‘Degusta’ co cociñeiro Javier Fins

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta fogóns para dar a coñecer ao público todo o seu potencial e conquistar ás e aos turistas tamén polo padal. As alcaldesas e alcaldes dos 14 concellos que abrangue o territorio do Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) mantiveron un encontro no que coñeceron os detalles da participación da Ría de Vigo e Baixo Miño por cuarto ano consecutivo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos principais encontros do sector turístico de Europa.

Nesta ocasión, o vindeiro mércores 18 ás 13.15 horas o Xeodestino fará ante o público asistente unha presentación vinculada coa gastronomía da terra que rematará coa proxección de ‘Degusta’, un vídeo de Azo Audiovisual protagonizado polo cociñeiro Javier Fins que achegará a todas e todos os visitantes á riqueza gastronómica do territorio. Xunto ás autoridades, na presentación participará o propio chef así como outras e outros dos protagonistas do círculo de produción, elaboración e artesanía que rodean á enogastronomía do Xeodestino.

Durante o encontro, as rexedoras e rexedores repasaron todas as accións levadas a cabo durante o pasado ano 2022, que o Xeodestino pechou cun balance moi positivo tras a volta á normalidade despois de dous anos de pandemia e de restricións. Un ano de moito traballo que daba o seus froitos nos últimos días tras anunciarse que a Ría de Vigo e Baixo Miño conseguían 1,5 millóns de euros para o seu Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un plan estratéxico que aglutina 10 accións clave a desenvolver nos vindeiros 3 anos para a transformación do modelo turístico do territorio baseándose no potencial da enogastronomía.