O ‘Música e Viño no teu Camiño’ continúa o seu percorrido con paradas no Rosal, Pazos de Borbén e Tomiño

Este sábado 8 de outubro Blues do país estará na Feira do Viño do Rosal e Sindicato Verbenero diante da Casa do Concello de Pazos. O domingo será a quenda de Terapia de Grupo, que actuará no mercado tomiñés

O proxecto ‘Música e Viño no teu Camiño’ continúa o seu percorrido polo territorio con tres novos concertos esta fin de semana. Posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, o obxectivo da segunda edición desta iniciativa é dar visibilidade a grupos emerxentes ao tempo que se xeran espazos de encontro e lecer ente a veciñanza, visitantes e peregrinos e peregrinas que están a facer o Camiño de Santiago durante o mes de outubro. A iniciativa desenvólvese  ao abeiro do programa O Teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.

O ciclo de concertos chega este sábado 8 de outubro á Feira do Viño do Rosal, na que Blues do País axudará a maridar música e caldos en sesión vermú a partir das 13.00 horas na Praza do Calvario. O mesmo sábado, xa pola tarde, será a quenda de Sindicato Verbenero, que animará a praza situada diante da Casa do Concello de Pazos de Borbén a partir das 19.00 horas. O domingo 9 de outubro, os concertos do ‘Música e Viño no teu Camiño’ chegan a Tomiño, coa actuación de Terapia de Grupo no Mercado tomiñés ás 13.00 horas.

Todas as actuacións son de balde e nelas poderase desfrutar dos viños D.O. Rías Baixas e da gastronomía local nos establecementos hostaleiros e comerciais da zona.

Con esta iniciativa EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan unha serie de concertos por todo o territorio nos que o público poderá desfrutar da maridaxe de música, viño e gastronomía ao tempo que se potencia a hostalaría e o comercio local. Dende EuRural e o Xeodestino anímase a toda a veciñanza dos concellos do noso territorio e da contorna a achegarse ata O Rosal, Pazos de Borbén e Tomiño esta fin de semana, así como aos distintos escenarios e desfrutar de mañás e tardes con sabor a música e viño.