Música, viño e gastronomía unirán a peregrinos e poboación local en A Guarda, Redondela e Tui

O programa ‘Música e Viño no Teu Camiño’, posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, organizará tres eventos musicais no que tamén se porán en valor os viños de DO Rías Baixas e a gastronomía local

Aberta a fase de votación popular para que a cidadanía escolla o logo do proxecto

A iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia dentro do Xacobeo 2021

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural porá en marcha o vindeiro mes de outubro o proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’, unha iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, e que busca crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.

“Trátase de dinamizar e ofrecer a poboación e peregrinos experiencias positivas e desestacionalizadas naqueles concellos do noso territorio polos que pasa o Camiño de Santiago: A Guarda como inicio do Camiño da Costa, Tui como inicio do Camiño Portugués xa en Galicia e Redondela, onde conflúen os dous”, explicou Sandra González, presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, durante a presentación do proxecto. “Agardamos que sexa un primeiro paso para poñer en marcha novos proxectos co Camiño de Santiago de protagonista de cara ao ano Xacobeo 2021, dinamizando os nosos produtos, as nosas empresas e os nosos concellos”, salientou.

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, quixo agradecer a iniciativa proposta por Eurural, porque “o Camiño de Santiago é unha historia coral escrita coa suma de vontades e de esforzos e temos que dar os parabéns a unha proposta como esta, que mestura algún dos elementos que máis turistas atraen a Galicia”. “Galicia é un destino cada día mellor porque está apoiado na nosa realidade turística e pon en valor os nosos recursos”, como demostran as máis de 350 iniciativas en todos os concellos de Galicia presentadas ao programa O teu Xacobeo.

O acto de presentación tamén contou coa presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; do primeiro tenente de alcalde de Tui, Rafael Estévez; da concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente; e do concelleiro de Cultura e Turismo de Redondela, Daniel Boullosa.

Tres eventos

Ao abeiro do programa ‘Música e Viño no Teu Camiño’, o vindeiro mes de outubro A Guarda, Redondela e Tui acollerán un concerto musical ao aire libre e totalmente gratuíto que será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas subárea do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. Os eventos celebraranse nas seguintes datas:
4 de outubro de 2019. Concerto de The Soul Jacket na Praza da Torre de Redondela.
12 de outubro de 2019. Concerto de The Pretty Shirts na Praza do Reló de A Guarda.
19 de outubro de 2019. Concerto de Best Boy na Praza de San Fernando de Tui.

Todos os eventos comezarán a partir das 20.30 horas e contarán coa presencia e participación confirmada das adegas Quinta de Couselo e Terras Gauda.

Participación cidadá

O proxecto busca tamén a implicación da cidadanía en todo a iniciativa. Por este motivo, abriuse unha fase de votación popular na que serán as persoas do territorio as encargadas de escoller o logo distintivo do proxecto. Será a través dunha páxina habilitada na web de Eurural, na que as persoas interesadas poderán votar un dos cinco logos propostos para empregar como imaxe de ‘Música e Viño no Teu Camiño’.

O proceso de votación popular estará aberto ata o vindeiro 15 de setembro de 2019.

Que é Eurural?

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.