Grande éxito do showcooking de Eurochef en Mos

Grande éxito do showcooking de Eurochef en Mos

Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias deron nova vida aos produtos do territorio nunha actividade ao aire libre no Pazo de Mos

Novo éxito de Eurochef cos seus showcookings para poñer en valor os produtos gastronómicos do territorio. Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias fixeron as delicias do público que se achegou ata o Pazo de Mos para desfrutar da arte culinaria destes dous cociñeiros e dos seus pratos únicos. Nesta ocasión prepararon pisto de verduras do Rosal con vieira, unha reinterpretación de aproveitamento de cocido de Lalín e unha tosta de pan do Porriño con canela, crema de varios queixos e marmelo con mirabel. Todo acompañado polo viño do Rosal da DO Rías Baixas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, achegáronse ata o pazo para dar a benvida aos chefs e ao público participante no evento.  Dende Eurural e todos os grupos de desenvolvemento rural participantes no proxectos Eurochef agradécese a colaboración do Concello de Mos e do Pazo de Mos para levar adiante o showcooking.

Esta actividade forma parte da programación prevista polo Eurochef Project, un proxecto de cooperación transnacional Leader liderado por Eurural e no que participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Con esta iniciativa búscase fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.

O proxecto conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.