A iniciativa da Axencia Galega de Innovación recalou en Mos coa colaboración de Eu Rural e GDR Condado Paradanta

Camiños de futuro para continuar innovando e crecendo no rural

A iniciativa da Axencia Galega de Innovación recalou en Mos coa colaboración de Eu Rural e GDR Condado Paradanta. O obxectivo era difundir os instrumentos de apoio a disposición das empresas para aumentar a súa competitividade

 

Mos foi este mércores o escenario dunha nova sesión de Camiño de Futuro, unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia coa que difundir os instrumentos de apoio a disposición das pequenas e medianas empresas do territorio para aumentar a súa competitividade. Unha xornada celebrada coa colaboración dos grupos de desenvolvemento rural GDR 13 Condado Paradanta e GDR 14 Eu Rural, xa que son os que coñecen e están en contacto directo co territorio e que colaboran e traballan conxuntamente coa veciñanza.

“Trátase dun programa pensado para as micro empresas, as de mulleres e homes orquestra, que é o máis habitual en Galicia e España, para dar a coñecer as liñas de axudas ás que poden optar tanto no GAIN como nas diferentes consellerías da Xunta de Galicia”, explicou ao publico asistente Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación. Durante a inauguración Argerey recalcou a importancia da innovación “para todas as empresas, independentemente do seu tamaño, do lugar no que estean ou da madurez do sector. Porque a innovación é un proceso de mellora continua, un xeito diferente de facer as cousas, de comercializar os nosos produtos e servizos… nun contexto global enormemente esixente no que os clientes buscan produtos e servizos personalizados. A competencia e os retos que teñen son globais, e a innovación é unha panca fundamental para enfrontarse a eles”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recalcou  a importancia de brindarlle apoio ás pemes, xa que “sodes o motor dos nosos concellos e non é fácil en momentos como o da pandemia ou como o actual seguir crecendo”. O acto inaugural tamén contou coa participación da delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Presente no acto tamén se atopaba Julia Loureiro, concelleira responsable da Agencia de Colocación de Mos, onde se celebrou a xornada, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro.

Durante a xornada, o xerente do GDR Condado-Paradanta, Francisco González, centrouse na axuda Leader que xestionan os grupos de desenvolvemento rural, entidades dinamizadoras do medio rural e claves no referente ás políticas de fixación de poboación e incluso na loita contra a desocupación do agro e o seu abandono. Tamén fixo referencia a outras liñas de axuda coas que conta a Consellería de Medio Rural.

A xornada rematou cunha mesa redonda con casos de éxito de pemes innovadoras da comarca, Utingal e Tespe Engineering Projects, que falaron en primeira persoa da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para mellorar a competitividade das súas empresas a todos os niveis.