Creando Rural 2019

A Red Rural Nacional pon a ‘Creando Rural’ como exemplo do traballo ben feito

Recollemos aquí a nova publicada no boletín da Red Rural Nacional falando do noso proxecto Creando Rural!

 

«Creando Rural»: nenos orgullosos de vivir no rural

Para os nenos coñecer o medio rural no que vive é un descubrimento e unha ledicia. É o camiño máis axeitado para que cheguen a amar o seu territorio e para que queiran conservalo. Segundo afirma Eva Gil, técnica da «Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural», «o máis emocionante é chegar aos colexios e ver que os pequenos se sinten orgullosos de vivir no rural».

Este grupo de acción local puxo en marcha en 2018 un concurso para alumnos de escolas infantís e de primaria do sur-este de Pontevedra. O certame, denominado Creando Rural, ideouse como complemento aos plans educativos regulados, que son máis xeralistas e que non se centran nos territorios concretos. O seu obxectivo prioritario é difundir entre a poboación a importancia de conservar a identidade rural e comprometer aos pequenos coa súa contorna.

Para iso, organizaron este concurso para escolares de entre 3 e 12 anos e conseguiron implicar a 13 concellos e a 28 aylas de 13 centros escolares de sete municipios, tanto públicos como privados. O resultado foi tan exitoso que este ano celebraron a súa segunda edición e en 2020 van a pola terceira. «Decidimos poñer en marcha estas unidades didácticas para inculcar aos nosos nenos e nenas un sentido de pertenza ás súas propias contornas para que establezan vínculos a través do coñecemento e do afecto», explica a xeógrafa Eva Gil, responsable do proxecto.

Ao éxito de participación de escolares hai que sumar a calidade dos proxectos e a enorme resposta da votación popular. En total, nas dúas edicións do concurso votaron unhas 8.000 persoas, habitantes dos municipios de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui. O investimento nestes dous anos supuxo uns 32.400 euros e foi financiado pola medida Leader de «Animación e dinamización de desenvolvemento local».

Aos gañadores da categoría infantil lles montaron unha excursión dun día á granxa escola que recibe subvencións da medida Leader. Para os gañadores de educación primaria a excursión foi a un centro de actividades de natureza, «Fervenzaventura», beneficiario tamén das subvencións Leader en Galicia.

Ao inicio deste proxecto, «EU Rural» realizou unha campaña de sensibilización e información nos centros escolares e nos medios de comunicación para difundir o concurso entre a poboación. Montaron unha páxina web que serviu para a difusión durante todo o concurso e, a súa vez, para canalizar a votación popular. O obxectivo final foi que os alumnos coñezan o seu patrimonio cultural, paisaxístico e de biodiversidade, que recuperen as súas tradicións, que saiban o que é o desenvolvemento sostible e que participen nun futuro na súa contorna. Para Eva Gil, o máis importante é que «os nenos e nenas se sintan comprometidos co seu territorio para estimular a fixación de poboación, rexuvenecer os pobos e combater o despoboamento». E continúa: «Cando chegabamos aos colexios, os nenos e nenas nos recibían coma se foramos famosos, porque eramos os de Creando Rural. O máis gratificante é ver a cara dos pequenos e sentir a súa ledicia cando participan».

«EU Rural» partiu da «Estratexia participativa de desenvolvemento local» que realizaron en 2016 con fondos Leader. Neste estudo analizaron e afondaron na realidade social na que se movían os habitantes do Suroeste de Galicia. En opinión de Gil: «Os nenos e nenas do rural son o noso futuro, e necesitamos que sexan coñecedores do medio no que viven para que o protexan, preserven e desenvolvan».

Para a Red Rural Nacional, «Creando Rural» é un exemplo claro de traballo ben feito porque está conseguindo concienciar á infancia sobre o valor que supón formar parte da sociedade rural e das vantaxes de vivir rodeado de natureza. Como di un dos nenos de 2º de Primaria do CEIP Serra de Vincios de Gondomar, «queremos aproveitar o equilibrio entre o ser humano e as plantas». Educar en valores positivos, xerar orgullo do rural e ofrecer alternativas viables e xustas é a mellor metodoloxía para manter o medio rural vivo.

Ver a noticia completa na Red Rural Nacional.