A cabaza, protagonista nos catro showcookings de Eurochef en Tui

Aberto o prazo de inscrición para asistir ás sesións que se celebrarán os días 30 e 31 de outubro no Paseo da Corredoira

 

O proxecto Eurochef desembarca este mes de outubro a Tui por todo o alto. Os vindeiros 30 e 31 de outubro o Paseo da Corredoira acollerá catro showcookings abertos ao público xeral con cinco chefs de altura nunha actividade organizada por Eurural e o resto dos grupos de desenvolvemento rural integrantes do proxecto Eurochef en colaboración co Concello de Tui.

A cabaza será a gran protagonista dos pratos cociñados por todos os chefs, sumándose así á ‘I Feira da Cabaza’ que celebra o municipio tudense. A primeira xornada, o sábado 30, estará a cargo dos cociñeiros do proxecto Eurochef, con Iván Méndez tras os fogóns na sesión das 12.00 horas e con Álex Iglesias na quenda de tarde, ás 18.00 horas. O domingo 31 os e as asistentes ao showcooking das 12.00 h poderán desfrutar dos pratos de Miguel Rodríguez Pereira, xefe de cocina do Parador da Baiona e coordinador de restauración do Parador de Tui, e de Javier Freijeiro, director de varias cociñas á vez cunha liña condutora con personalidade propia na Coruña. Pola tarde, ás 18.00 horas, será o momento de desfrutar dos doces do experimentado reposteiro tudense Óscar Romero.

A actividade será completamente de balde e con aforo limitado. As persoas interesadas en participar xa poden facer a súa inscrición a través da páxina web de Eurural. Dende Eurural e todos os grupos de desenvolvemento rural participantes no proxecto Eurochef agradécese a colaboración do Concello de Tui nestas actividades e convídase a toda a veciñanza a desfrutar deste novo evento.

O showcooking forma parte do programa de actividades de Eurochef Project, un proxecto de cooperación transnacional Leader liderado por Eurural e no que tamén participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Con esta iniciativa búscase fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras, intercambiar experiencias, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.

O proxecto conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.