A Escola Eu Rural pon en marcha ‘O ben feito, ben parece’, un itinerario formativo de escaparatismo para persoas emprendedoras e comercios locais

Para todas as empresas, tanto grandes como pequenas, é moi importante a visión que a clientela ten delas. En moitos casos, o escaparate é a primeira imaxe que dá un negocio. Coa idea de axudar a crecer e mellorar ao comercio local, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, porá en marcha o itinerario formativo ‘O ben feito, ben parece’, centrado na comercialización de produtos tanto do sector primario como doutros sectores.

Con este itinerario búscase dar e ampliar coñecementos relacionados coa venta para persoas emprendedoras do rural ao tempo que se mellora os coñecementos do comercio local existente, axudando a facer estes negocios máis competitivos e de éxito. As primeiras accións deste itinerario serán catro cursos de 36 horas que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Nigrán, Tomiño e Mos entre 2018 e 2019 nos que se abordará o escaparatismo, a presentación do produto, o empaquetado creativo e o visual merchandising.

Poderá inscribirse e participar nestes cursos calquera persoa que resida no territorio e estea interesada, independentemente de que o concello no que viva non dispoña de curso. Os cursos son de balde e a inscrición farase a través da web de Eu Rural. A quenda de cursos comezará o vindeiro mes de maio en A Guarda e rematará en maio de 2019 en Mos. Impartiranse en horario de 16.30 a 20.30 horas e haberá un máximo de 15 alumnos e alumnas por curso.

Fomentando o emprendemento

Este itinerario formativo, pensado para fomentar o emprendemento, foi presentado este xoves 19 de abril no auditorio do Centro Dotacional de Medios Rurais de Torroso, subvencionado polo programa Leader. Na presentación participaron Julia Loureiro, concelleira de Urbanismo de Mos; Antonio Tartaglione, concelleiro de Promoción Económica e Réxime Interior de Tomiño; Raque Giráldez, tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Contratación e Desenvolvemento Local de Nigrán; Camilo Grandal, presidente do Centro Dotacional e presidente da CMVMC de Torroso; Francisco Javier Veloso, representante da Xunta Directiva da AD Eurural e presidente da CMVMC de Randufe; e José González, membro da Asociación de Empresarios de Mos.

Este itinerario formativo nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

Esta acción formativa pretende completar a actividade realizada o ano pasado co itinerario ‘Cos pés na terra’, que puxo en marcha unha serie de actividades relacionadas coa produción primaria e coa posta en valor do sector agrogandeiro, e ‘Coas mans na masa’, que acaba de ser posta en marcha e que busca engadir valor ao sector primario a través da transformación e da conservación de alimentos.

Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.